La Región critica con dureza a Feijoo


Redacción | @prazapublica



"Foi este un desenlace revelador para un mandato do que Galicia sae maltreita e sen nada bo no balance, agás talvez este final adiantado". Así remata o editorial que este martes publica o xornal ourensán La Región en relación co adianto electoral anunciado o luns por Alberto Núñez Feijoo. A crítica comeza xa na portada, que se abre a cinco columnas co titular "21 de outubro: Eleccións tras unha lexislatura perdida para Ourense". A cabeceira ourensá sempre estivo próxima aos Baltar e no último ano foron varias as portadas e novas críticas coa xestión do presidente da Xunta, sobre todo relativas ao que entendían como trato discriminatorio da Xunta cara á provincia de Ourense,mais non só.
Foi moi comentado, ademais, o nerviosismo amosado polo presidente da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta ante unha pregunta de Xabier Blanco, que realiza a información política de La Región en Compostela, sobre o gasto de Núñez Feijoo en asesores persoais, un total de 2,3 millóns de euros anuais, segundo o xornal.
O editorial ábrese acusando a Feijoo de mentir: "decidiu onte desmentirse unha vez máis, recrearse nun dos seus exercicios favoritos (a mentira) e convocar eleccións autonómicas anticipadas para o próximo 21 de outubro, tal como adiantara La Región hai meses, aínda que o mandatario galego se amosou visiblemente irritado, negou a maior e tratou de poñer en tea de xuízo este diario". Ademais, o texto cualifica a decisión de "o final agardado despois dun mandato do que Galicia sae moi mal parada e no que a Galicia interior viu como se agrandaba a discriminación histórica que condea o seu futuro e lastra calquera posibilidade de desenvolvemento en igualdade de condicións que outras áreas mimadas sempre polo poder central e o autonómico. Unha discriminación que Feijóo multiplicou".
O editorial fala de "unha xestión de tres anos e medio chea de erros e mentiras levaran o presidente galego a un labirinto para o que carece de saídas"
O xornal tamén afirma que Feijóo "comezou a lexislatura presumindo de austeridade na acción de goberno, unha austeridade que non fixo senón castigar duramente o sector privado e as familias, sen poñer couto ao verdadeiro despilfarro da Administración autonómica". Engade ademais que "o adianto das eleccións autonómicas en Galicia nada ten que ver co interese xeral e si co do persoal de Alberto Núñez Feijóo" e conclúe que "unha xestión de tres anos e medio chea de erros e mentiras levaran o presidente galego a un labirinto para o que carece de saídas. Cos tempos que corren e as dolorosas medidas que se aveciñan, a súa situación tan só era susceptible de empeorar, cercenando toda posibilidade de revalidar o poder".