SE POSPONE LA ENTRADA EN FUNCIONAMIENTO DEL MÓDULO PARA PRESENTACIÓN ELECTRONICA DE PERMISOS

A entrada en funcionamento do novo módulo para a presentación electrónica de permisos sen xustificación e vacacións prevista para o presente mes de febreiro posponse para finais do vindeiro mes de marzo por continuar os traballos do seu desenvolvemento. O novo módulo da aplicación informática de Xustiza permitirá a creación, xestión e presentación electrónica de solicitudes de permisos e vacacións. Esta nova opción permite eliminar o uso do papel en toda a tramitación destas peticións, xa que son electrónicas tanto a sinatura coma a presentación en todos os seus trámites. Para poder cursar as peticións electronicamente é preciso posuír un certificado dixital admitido pola SEDE electrónica da Xunta de Galicia, que agora mesmo pode ser tanto o DNI electrónico coma un certificado dixital da FNMT. As solicitudes realizadas polos/as funcionarios/as irán da gabeta de correo persoal á do director funcional, e da deste á do xestor do servizo de Xustiza correspondente, sendo visible en todo momento o estado de tramitación de cada unha das peticións.

Polo momento, e mentres non se complete a repartición das novas tarxetas identificativas do persoal ao servizo da Administración de xustiza, que levarán incorporado un certificado dixital de empregado público co que tamén se poderán realizar as peticións, seguirán convivindo as dúas vías de solicitude, é dicir, a manual e mais a electrónica, pero na medida do posible esta dirección xeral, nun intento de axilización, transparencia e economía na tramitación de cantas xestións se xeran na vida administrativa do persoal ao seu servizo, solicita o emprego das novas ferramentas, buscando ao mesmo tempo unha maior familiarización de todos os usuarios co Portal do Empregado Público, posto que pouco a pouco se intentará que esta sexa a primeira canle de comunicación entre persoal e Administración. Cando a distribución das novas tarxetas se complete, informarase do fin da posibilidade de presentación manual deste tipo de solicitudes.

Para coñecer o funcionamento completo da tramitación, pódese consultar o manual no que se explica todo o procedemento, dende a creación dunha nova solicitude ata a súa resolución.