INCORPORACIONS CONCURSO DE TRASLADO

A Dirección Xeral nos remitiu o seguinte correo relativo a formación dos funcionarios que se incorporan como consecuencia do concurso de traslado.

Como xa se anticipou recentemente, este ano o persoal que cambie de posto de traballo como consecuencia do concurso de traslados vai ter un soporte formativo que facilite a súa incorporación ao novo posto. Esta formación tamén estará dispoñible para o persoal que se reincorpore ao seu posto de traballo despois dunha liberación sindical.
Esta acción formativa é o primeiro paso no proxecto que denominamos “Comunidades  Virtuais de Aprendizaxe”  que, resumidamente, será un punto de encontro para a resolución de dúbidas, compartición e ampliación de coñecemento dos distintos profesionais da Administración de Xustiza de Galicia. Integrada na Intranet de Xustiza, permitirá a realización de actividades formativas de xeito remoto a través dos medios técnicos da Administración de Xustiza (equipamento de videoconferencia, acceso remoto ao posto dos usuarios, teléfono, etc) . Poderán haber reforzos presenciais, aínda que a utilización dos medios técnicos serán a canle habitual.
Nunha próxima reunión vos faremos unha presentación máis detallada.

 Formación para as incorporacións a un novo posto de traballo como consecuencia do concurso de traslados 2012
O próximo luns 3 de decembro está previsto a posta en marcha do proxecto formativo destinado ao persoal que cambia de posto de traballo como consecuencia do concurso de traslado. Esta formación tamén estará dispoñible para o persoal que se reincorpore ao seu posto de traballo despois dunha liberación sindical.
Coa fin de que este persoal reciba a formación máis axeitada para o posto de traballo ao que se vai incorporar, e personalizada ao seu nivel de coñecementos, analizouse a información dispoñible no relativo aos postos de orixe e destino e asignouse un titor a cada un dos alumnos. Os titores serán os encargados de guiar a cada un dos alumnos durante os primeiros meses na súa aprendizaxe, mediante as seguintes actividades:
1.      Acollida inicial, indicándolle aos alumnos cales son os seus obxectivos de aprendizaxe, facilitándolle unha planificación xeral de formación e informándolle sobre o proceso de aprendizaxe completo asociado á súa incorporación á Administración de Xustiza de Galicia. Esta acollida realizarase a través do correo electrónico.
2.      Acceso á documentación necesaria para o cumprimento dos obxectivos de formación de cada un dos alumnos.
3.      Resolución, durante os horarios de titorías, das dúbidas dos alumnos.
4.      Resolución das dúbidas dos usuarios a través da Comunidade Virtual de Aprendizaxe da Administración de Xustiza de Galicia: mediante os foros e o formulario de consulta en liña.
5.      Seguimento e avaliación da aprendizaxe dos alumnos, para recomendarlle a asistencia ás actividades formativas que se organicen e que mellor se adaptan ás necesidades do alumno. Estas actividades poderán ser remotas ou presenciais.
Os contactos dos titores cos alumnos realizaranse a través dos distintos medios técnicos cos que conta a Administración de Xustiza de Galicia: Comunidade Virtual de Aprendizaxe (foros e consulta en liña), correo electrónico, teléfono e videoconferencia.
A formación prevista, que estará guiada en todo momento por un titor, desenvolverase en dúas fases:
·        Formación en temas xenéricos, organizativos e administrativos.
·        Formación específica nas aplicacións informáticas da Administración de Xustiza en Galicia.