CONVOCATORIA DE CURSOS DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA GALEGA E CURSOS CELGA NAS ESCOLAS OFICIAIS DE IDIOMAS

 UGT JUSTICIA INFORMA

CONVOCATORIA DE CURSOS DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA GALEGA E CURSOS CELGA

Hoxe publicouse no DOG a convocatoria, con carácter gratuito, de cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior en liña, e cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2025/26, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.

Para acceder a toda la información descarga aquí el DOG

También puedes descargar aquí el DOG en pdf

Cursos que se ofertan

1. Os cursos de linguaxe administrativa galega ofertados nas distintas escolas oficiais de idiomas de Galicia figuran no anexo I desta resolución. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre xaneiro e abril.

2. A oferta dos cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, figura no anexo II desta resolución. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre febreiro e maio.

3. A oferta de cursos recollida nos anexos I e II desta resolución poderá ser modificada en función da organización académica de cada escola, caso en que as escolas oficiais de idiomas farán pública a nova oferta con anterioridade suficiente ao inicio dos cursos.

Solicitudes e prazos de inscrición

1. As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática na ligazón www.eoidigital.com/preinslinguagalega. O proceso de inscrición non se considerará correctamente completado ata que as persoas seleccionadas presenten toda a documentación requirida, como se especifica no punto quinto desta resolución.

2. O prazo para a presentación das solicitudes será o seguinte:

– Desde o 30 de xuño ata o 11 de xullo de 2025, para os cursos do primeiro cuadrimestre;

– Desde o 10 ata o 21 de novembro de 2025, para os cursos do segundo cuadrimestre.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que sexan presentadas fóra de prazo.

3. O alumnado con discapacidade recoñecida oficialmente farao constar na súa solicitude. A escola poñerá esta circunstancia en coñecemento dos equipos de orientación específicos dependentes do departamento territorial respectivo, no prazo máximo dun mes, contado a partir do último día establecido para a presentación da documentación (punto quinto desta resolución), para que se determinen as adaptacións pertinentes.

4. As persoas aspirantes que se atopen nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 162 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia (DOG núm. 233, do 11 de decembro), farano constar na súa solicitude e terán preferencia no acceso a estes cursos.

5. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado.

Asignación das prazas

1. Os cursos terán un número mínimo de 15 participantes e un número máximo de 25.

No caso de que un curso non acade o número mínimo de solicitantes, a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá autorizar expresamente a súa realización. No caso de non realizarse o curso, a escola oficial de idiomas comunicarállelo ás persoas solicitantes.

2. Se un curso ten un número de solicitantes que cumpran os requisitos maior que o número de prazas dispoñibles, a asignación farase por sorteo.

No momento de cubrir o formulario de inscrición, a aplicación asignaralle un número a cada solicitude, independentemente da escola e curso solicitado. Para a asignación de prazas, o sistema informático obterá un número de corte por curso a partir do cal se asignarán as vacantes dispoñibles. Este número obtense aleatoriamente entre todos os números asignados a cada solicitante dese curso. A adxudicación de prazas realizarase por persoa, empezando pola solicitude que teña o número obtido no sorteo, respectando a orde de preferencia indicada na solicitude e pasando á seguinte persoa cando se lle asigne praza nun grupo ou cando non obteña praza en ningún dos grupos solicitados.

3. A obtención do número para a adxudicación das prazas realizarase en acto público na EOI de Vigo (avenida de Emilio Martínez Garrido, 17, Vigo), nos días que se indican a seguir:

– Para a adxudicación das prazas nos cursos do primeiro cuadrimestre, o 14 de xullo de 2025 ás 10.00 horas. O día 15 de xullo o alumnado poderá consultar no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega se foi admitido.

– Para a adxudicación das prazas nos cursos do segundo cuadrimestre, o día 24 de novembro de 2025 ás 10.00 horas. O día 25 de novembro o alumnado poderá consultar no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega se foi admitido.

Quinto. Presentación da documentación

1. Unha vez rematado o proceso de asignación de prazas, o alumnado seleccionado deberá entrar de novo na aplicación para presentar a documentación que se especifica nos puntos sétimo (para os cursos de LAG) e décimo segundo desta resolución (para os cursos de preparación á obtención dos Celga).

2. O prazo para a presentación desta documentación será o seguinte:

– Do 15 ata o 24 de xullo de 2025, para os cursos do primeiro cuadrimestre;

– Do 25 de novembro ata o 5 de decembro de 2025, para os cursos do segundo cuadrimestre.

3. A documentación presentarase de forma telemática desde o enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As escolas poderanlle solicitar ao alumnado a presentación dos documentos orixinais para o cotexo da copia electrónica presentada.

4. A falta de presentación destes documentos no prazo establecido dará lugar á exclusión da persoa solicitante previamente seleccionada e a escola disporá da súa praza para ser ocupada pola persoa correspondente da listaxe de agarda.