OS EMPREGADOS PÚBLICOS DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA EN DEFENSA DO SERVIZO PÚBLICO DA XUSTIZA. POR UNHA XUSTIZA PARA TOD@S

O goberno presidido por Mariano Rajoy e o seu brazo executor no Ministerio de Xustiza, Alberto RuÍz Gallardón, están levando a cabo un sutil desmantelamento do Servizo Público da Xustiza que prestamos quen pertencemos a súa administración.
Os empregados públicos ao servizo da Administración de Xustiza non podemos permanecer impasibles ante eses atropelos e que, tarde ou cedo, van ter consecuencias devastadoras nos nosos postos de traballo e nos nosos dereitos laborais, que xa se están a deteriorar día a día, e en concreto:

  • A natureza abusiva e claramente perturbadora do dereito constitucionalmente protexido da tutela xudicial efectiva, que se manifestou coa aprobación da Lei de Taxas Xudiciais, en contra de todos os colectivos relacionados coa xustiza e os cidadáns.
  • A reforma da LOPX, coa imposición dunhas condicións laborais pésimas a quen dunha ou outra maneira servimos á Xustiza e recortes de dereitos laborais e salariais a todos os colectivos, mobilidade xeográfica que prexudica aínda máis o funcionamento da xustiza.
  • A mercantilización do Rexistro Civil e outros proxectos de reforma xa anunciados, poñéndoos en mans de profesionais de cobro.
  • A falta de financiación, de medios persoais, materiais e organizativos, que sufriu a Administración de Xustiza por todos os Gobernos impedindo o seu desenvolvemento e modernización e se utiliza agora como argumento para xustificar a súa privatización.
  • A falta de OEP en todos os corpos pese a que a convocatoria de oposición non suporía incremento orzamentario algún.
  • A resistencia de todos os gobernos a abordar o proceso de modernización da xustiza contando coa participación real de TODOS os que estamos implicados no funcionamento diario da Administración de Xustiza.
  • A dilapidación realizada en proxectos erróneos e que só entorpeceron o funcionamento dos xulgados, como o coñecido “papel 0 na A. Nacional”.
Sen lugar a dúbidas, todos eses proxectos xa anuncian a liña de desmantelamento do Servizo Público da Xustiza que pretende este Goberno e que non só terá consecuencias para os cidadáns, como o encarecemento da Xustiza ou o seu afastamento do cidadán, senón tamén para os que traballamos nela. A perda de postos de traballo é a consecuencia máis evidente, a amortización de cadros de persoal, o cese de persoal interino, a mobilidade xeográfica forzosa incluso con cambio de concello, a perda do dereito a mobilidade voluntaria (concurso de traslados) e a nula convocatoria de oposición, tanto quenda libre como promoción interna.
Ante esta situación, a plataforma sindical en defensa dos empregados públicos da Administración de Xustiza, cremos que chegou o momento de deixar as nosas diferenzas e unirnos nunha fronte común, potenciando a unidade non só con todos os sindicatos con representación na Administración de Xustiza, senón con todas as asociación profesionais que interveñen nesta Administración así como a toda a cidadanía, ás que nos dirixiremos.
Neste sentido, propoñemos a todos os traballadores da Administración de Xustiza, ás asociacións profesionais e á cidadanía, a unión de todos e todas na DEFENSA DO SERVIZO PÚBLICO DA XUSTIZA,  participando en:

·     CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE SINATURAS: Polo mantemento do servizo público que prestamos que se iniciará o vindeiro 4 de decembro nos centros de traballo de todas as provincias, á que se convocará aos medios de comunicación. A recollida de sinaturas prolongarase durante o mes de decembro  e xaneiro.
·        CONCENTRACIÓN O DÍA 12 DE DECEMBRO: de 12 a 13 hs
·        CONCENTRACION E APAGÓN INFORMÁTICO: Que se realizará o 20 de decembro de 11:00 a 11:30, coincidindo coa data na que teríamos que cobrar a paga extra, no que toda a rede informática dos Xulgados de toda España se apagará.
·      MANIFESTACION ESTATAL DA ADMINISTRACION DE XUSTIZA  O DÍA 19 DE XANEIRO, CON ENTREGA DAS SINATURAS RECOLLIDAS NO MINISTERIO DE XUSTIZA.
E en todos aqueles actos que se convoquen na túa localidade en defensa do Servizo Público da Xustiza. É o momento de unir forzas. Profesionais e cidadáns, por unha XUSTIZA DE CALIDADE, UNIVERSAL E GRATUITA. POR UNHA XUSTIZA PARA TOD@S. Porque nos xogamos o noso futuro.